Ola, son cromosomad

Graciñas pola visita!

O asunto é o que acontecería se un cromosoma se puxese tolo e intercambiase algúns dos seus xens polos doutro. Aínda que o resultado fose imprevisible penso que, no mellor dos casos, faría aparecer outras especies cheas de vitalide descoñecida, de conductas inesperadas, de todo un baile de probabilidades biolóxicas. Son un cromosoma que se puxo tolo e nacín metido nun baile de vitalidade nova e situacións inesperadas.

Malia ser singular, son moi humano: coma vós, ando metido en situacións inesperadas e, moitas veces, teño que bailar ó son que me tocan. Polo demais, son un ser vivo semellante a moitos de vós e, amais de bailar, gústame deixarme caer polos bares para estar de parola, levar o fillo ó parque e conducir unha Vespa que non contamina moito. Contamina, si, pero non moito. Vale.

Vivo nun mundo no que non son infrecuentes os mutantes, ás veces
xerados polos meus bailes e outras por causas alleas á miña responsabilidade. En todo caso, non lles teño medo e busco o xeito de ter bo trato e mesmo aprender deles, pois vivo nun mundo de continuos cambios; a Ra Birolla, produto do meu primeiro día de choio, é a miña mellor amiga.

Comparto tamén moitos dos defectos dos humanos, por exemplo, manteño opinións que a miña conduta contradí. Eu, cromosomad, o cromosoma tolo, son consciente, por máis que me pese, desta contradición.